Mostrando entradas con la etiqueta solución a comprensión de textos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta solución a comprensión de textos. Mostrar todas las entradas

lunes, 25 de julio de 2016

Solución a comprensión de textos

Resume o seguinte texto en menos de 40 palabras.
Era á noitiña, estaba francamente cansa porque pasara o día facendo un montón de pequenas tarefas,  desas que, por teren pouca importancia e ningunha urxencia, imos deixando para outro momento, ata que decidimos tachalas definitivamente da nosa listaxe de “pendentes”.  A tarde fora calorosa en exceso, algo esperable a finais do mes de xullo. Tiña desexos de descalzarme, tombarme comodamente no sofá e pecha-los ollos sen pensar en nada...
(fragmento dos “Diarios de Mariana Canabal”)

Vexamos unha posibilidade:
Anoitecía, estaba cansa porque fixera moitas pequenas tarefas que fora relegando ata que decidín  tachalas definitivamente da listaxe de “pendentes”.  A tarde fora calorosa, propia de finais de xullo. Desexaba descalzarme, tombarme  e pecha-los ollos sen pensar en nada...


lunes, 3 de marzo de 2014

Solución a comprensión de textos

Solución:

Marcelo érguese ás sete e media e prepara o almorzo para el e máis para a súa filla Irene, que ten que colle-lo autobús escolar un pouco despois das oito. Marcelo traballa nun supermercado na quenda de tarde e non entra ata as tres. A Luísa, a muller de Marcelo, non lle gusta madrugar, sobre todo no inverno; ten nun cuarto da planta baixa un pequeno obradoiro no que restaura mobles e outros obxectos decorativos e prefire traballar sempre que sexa posible con luz natural.

jueves, 14 de noviembre de 2013

Solución a comprensión de textos

Solución:
Pasaban uns minutos das dez da mañá e Andrea, a panadeira, tiña a aquela hora unha clientela variopinta: estudantes, amas de casa, empregados dos establecementos da rúa, paseantes e ata algúns turistas atraídos sen dúbida polas larpeiradas dispostas coidadosamente no escaparate. Estes, ademais de mercar, facían centos de preguntas sobre a elaboración artesanal dos produtos. Andrea tiña sempre unha boa resposta para todas elas, pois levaba na tafona desde que rematara a escola.


sábado, 21 de septiembre de 2013

Solución a comprensión de textos

Solución:
Os venres erguíase con ansia para chegar ó traballo un pouco antes do acostumado. Non quería deixar labores inacabadas para a semana seguinte. Ó rematar pasaba polo supermercado para facer algunhas compras e despois, máis tarde, reuníase con algúns amigos para tomar uns pinchos nalgunha tapería aberta recentemente, xa que a todos lles gustaba probar novas especialidades culinarias; dados de tomate con queixo de Arzúa, chulas de cabaza, ensalada de polbo... Non tiña présa por volver á casa porque ninguén  agardaba nela e para durmir, pensaba a miúdo, sempre quedaba toda a eternidade.

Exercicio complementario:
Elabora un pequeno perfil, rápido, tal como o imaxinaches segundo ías lendo, do personaxe protagonista do relato anterior:
sexo
idade
profesión ou oficio
condición social
nivel económico
nivel de estudos
ámbito residencial
gustos, preferencias
estado civil
situación familiar...

Revisa o perfil contrastándoo coa información contida no texto.


viernes, 9 de agosto de 2013

Solución a comprensión de textos

Unha posible solución:

No inverno, despois das nove da noite as rúas quedan desertas, aínda que faga bo tempo. Todo é silencio. Acódenme á  memoria lembranzas  que me provocan saudade e desasosego.  

viernes, 5 de julio de 2013

Solución a comprensión de textos

Solución:

¿Serei capaz de escribir un mínimo de sesenta palabras antes das doce? Os máis agudos preguntarán inmediatamente que hora é, porque se aínda foran, por exemplo, as seis, habería tempo dabondo para facelo (sempre e cando non me atopara nun cuarto pechado no que non houbera lapis nin papel, pois daquela a cuestión sería o meu inxeno  para improvisar algo con que substituílos). Algún preguntará o máis fundamental: ¿sei escribir?, ¿son capaz de contar ata sesenta? Outros quererán saber en que lingua... O caso é que aínda non deron as doce e as sesenta palabras van sobradas.

viernes, 17 de mayo de 2013

Solución a comprensión de textos


Solución:
As obras do mercado comezaron no outono pasado, pero, a pesares de traballar ata as once da noite, non se ve traza de que rematen antes do verán. A veciñanza está xa farta do ruído das máquinas, dos cortes de luz que se producen un día si e outro tamén, dos arrodeos para entrar e saír das casas porque hai pasos cortados e da sensación de caos que producen os materiais amontoados aquí e alí: pedras, tellas, area, sacos de cemento, tubos... Por outra banda, nestes oito meses de traballo non se aprecian melloras relevantes no recinto e o seu entorno.

jueves, 9 de mayo de 2013

Solución a comprensión de textos


Solución:
A Gloria, a veciña do terceiro,  gústalle escoitar música mentres prepara o xantar; ten un aparello de radio, que herdou de seu avó,  na cociña, enriba do frigorífico, para poder cambiar de cadea en calquera intre. Prefire a esa hora do día música lixeira, ritmos latinos ou mesmo cancións folclóricas. Ademais, as emisoras radiofónicas emiten sinais horarias cada trinta minutos e mensaxes informativas cada hora. Iso facilítalle a puntualidade nas súas tarefas.

martes, 23 de abril de 2013

Solución a comprensión de textos


Solución:
Ás catro quedei con Rosa, Andrés e Nicolás para tomar un café no centro; logo temos intención de visitar unha exposición de fotografías de fauna galega na Escola de Artes. A Nicolás gustaralle, sen dúbida, porque é un apaixonado de todo aquilo que teña que ver co mundo animal; quizais  a Rosa non tanto, xa que ela prefire a pintura; a Andrés nono sei, coñecino a semana pasada e aínda non falamos dos seus gustos artísticos...